24 de juny 2006

A Feira das Artes Escénicas a piques de botar o peche da décimo cuarta edición

galicia
16 de juny de 2006

A Feira das Artes Escénicas clausura a súa décimo cuarta edición con catro espectáculos teatrais e dous de danza.
O Teatro Español de Madrid e Uroc Teatro coproducen o musical Romeo y Julieta, pensado para público familiar, co que se presentan mañá no Salón Teatro.
As compañías galegas Teatro Ensalle, Teatro do Noroeste, Lagarta Lagarta, Nova Galega de Danza e Experimenta Danza actúan na derradeira xornada do encontro.
(viernes 16 de junio de 2006)
XORNAL I A Coruña.- A XIV edición da Feira do Teatro de Galicia, que se celebra dende o pasado día 13 en Santiago de Compostela, chega mañá ao seu remate cun cartel integrado por catro espectáculos teatrais e dous de danza. Unha coprodución madrileña de Teatro Español e Uroc Teatro e as propostas das compañías galegas Teatro Ensalle, Teatro do Noroeste, Lagarta Lagarta, Nova Galega de Danza e Experimenta Danza pecharán este encontro organizado polo IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais), no que participan un total de 27 grupos e 150 programadores e axentes culturais chegados dende distintos puntos da península. O Teatro Español e Uroc Teatro chega a Santiago con Romeo y Julieta, unha versión musical do clásico de Shakespeare especialmente pensada para nenas e nenos a partir dos 6 anos, que abrirá esta última xornada de Feira ás 11.00 horas no Salón Teatro.
Dirixida por Olga Margallo, esta produción conta cun amplo elenco integrado por Víctor Ullate Roche, Marina Reggio, Rosa Clara García, Iván Villanueva, Víctor Gil, Manuel Mara e Celia Vergara, ademais de coa colaboración especial de Petra Martínez e Juan Margallo na montaxe audiovisual que complementa a posta en escena. O texto é de Antonio Muñoz de Mesa e a música, de Mariano Marín. DEBÚ NA FEIRA.- Teatro Ensalle, compañía vinculada á sala creada en Vigo en 2003, preséntase por vez primeira na Feira con Oco, obra de Raquel Hernández e Pedro Fresneda a través da que se introduce ao espectador nun micromundo de oito personaxes, interpretados por Fernando Pérez, Raquel Hernández, Juan Carro, Moisés Kühm, Artús Rey, Borja Fernández, Grabriel Celester e David Santos. Con tinturas de comedia, o espectáculo que dirixe Pedro Fresneda amósanos as consecuencias que provoca unha pequena alteración nun devir cotián automatizado e deshumanizado. A función terá lugar ás 16.00 horas no Teatro Galán. Pola súa banda, a Sala Yago acollerá ás 17.30 horas A casa do pai, montaxe de Teatro do Noroeste inspirada en O malentendido de Camus. O novo director sevillano Carlos Álvarez-Ossorio púxose á fronte desta proposta, que el mesmo protagoniza xunto a Luma Gómez e Lola Correa. Cunha proposta espacial que ofrece tres visións diferentes, este drama sitúanos nunha casa dunha aldea galega, que agocha unha historia de tortura, roubo e morte. As dúas mulleres que alí viven alugan un dos cuartos e agardan ansiosas a chegada dun novo inquilino. Baixo a dirección de Lino Braxe, Lagarta Lagarta porá en escena –ás 19.15 horas no Teatro Principal– Carambola (cóncavo convexo), unha comedia negra que se desenvolve nunha casa apartada, nunha noite escura de treboada, onde seis persoas participan nun xogo “inocente” no que cada unha delas debe representar o seu papel. Carambola supón o regreso ás táboas de Ernesto Chao, que forma parte do elenco xunto a Elina Luaces, Anabel Gago, Rosa Álvarez, Belén Constenla e Rebeca Montero PECHE COREOGRÁFICO.- A danza pechará esta XIV Feira das Artes Escénicas coas propostas de Nova Galega de Danza, ás 22.00 horas no Auditorio de Galicia, e Experimenta Danza, ás 00.15 horas no Salón Teatro.
Engado é o título do novo espectáculo de Jaime P. Díaz e Vicente Colomer con Nova Galega de Danza, que ten na mestura da danza e da música galega contemporánea a súa principal sinatura. Xosé L. Romero é o director musical desta produción, na que tamén actúa xunto aos músicos Ricardo Rozas, Miguel Queijas, José Belmonte, Miguel Castro, Xavier Díaz, Pedro Lamas e Suso Iglesias. Do corpo de baile, tamén forman parte –xunto a Díaz e Colomer– Enma Cabañas, Lilianne Frías e Ruth Cordero. A última actuación correrá a cargo de Experimenta Danza, compañía coruñesa que, a pesar da súa recente creación, xa foi galardoada co primeiro premio do Certame Coreográfico de Madrid e o segundo do Certame de Creación Coreográfica de Galicia 2005. Baixo a dirección de Damián Muñoz, presenta Meltemi, un traballo de danza contemporánea, bautizado como o vento frío que chega dende Rusia até os Balcáns, no que os bailaríns Alexis Fernández, Armando Martén, Blanca Blanco, Carlota Pérez e Katerina Varela, despregan un gran potencial físico. Estas seis últimas funcións están abertas tamén ao público non acreditado, sempre en función das localidades dispoñibles. No caso do Auditorio de Galicia, Salón Teatro e Teatro Principal, o despacho de billetes comeza unha hora antes do inicio das representacións, mentres que na Sala Nasa, Sala Yago e Teatro Galán a billeteira abre cinco minutos antes.
O prezo das entradas é de 3 €. Canto ao programa de actividades paralelas, a mostra O escenario da ilusión permanecerá na Fundación Gonzalo Torrente Ballester até o 24 de xuño, onde poderá ser visitada en horario de 11.00 a 20.00 horas, agás o domingo. A través dunha vintena de pezas orixinais recuperadas ou reconstruídas, propón unha viaxe no tempo cara ao teatro barroco dende a perspectiva da profesión escenográfica e arredor de tres eixes temáticos: son, luz e enxeñería teatral.