
A relación das obras de William Shakespeare con Galicia comezou a establecerse a finais dos oitenta.
Luis Tosar en «Hamlet»
Por máis que autoridades académicas dean por natural que a obra de William Shakespeare é a viga mestra que soporta o peso da literatura occidental, sempre hai algunhas contas que non cadran. E, sen embargo, case todas as literaturas occidentais que non son a inglesa aceptan este canon case como verdade científica. Máis en especial aquelas que teñen algúns problemas para acadar certa normalidade.
Luis Tosar en «Hamlet»
Por máis que autoridades académicas dean por natural que a obra de William Shakespeare é a viga mestra que soporta o peso da literatura occidental, sempre hai algunhas contas que non cadran. E, sen embargo, case todas as literaturas occidentais que non son a inglesa aceptan este canon case como verdade científica. Máis en especial aquelas que teñen algúns problemas para acadar certa normalidade.
Se na literatura é certo, no teatro o peso canónico do shakesperiano volveuse proba do algodón, e dos Urales contra acá, se un teatro non ten relacións normalizadas coa extensa obra do escritor de Stratford, ten moitas posibilidades de que se interprete que vive nunha certa adolescencia. Isto aínda sen entrar no tópico de que un actor ou actriz que non pasa por Shakespeare non pode considerar completada a súa formación.
O teatro galego, tan necesitado de reforzos animosos, tan sensible para estas cousas da maioría de idade, ten reparado en Shakespeare como un referente contra o que ir medindo o peso e a madurez do seu sistema profesional. Foi historicamente un reto que desde o punto de vista estatístico se podería dar como proba superada. En perspectiva histórica, William Shakespeare é un dos autores máis representados.
En 25 anos, nove producións diferentes asumiron os textos do escritor. Unha marca da que case nin os dramaturgos con compañía propia poden presumir. Unha relación aínda mellor se o cálculo inclúe que o Centro Dramático Galego estrea a primeira montaxe sobre o dramaturgo no ano 1989. Nove veces en 17 anos.
A frecuencia do autor en Galicia non parece deberse só ás dificultades do país para formar dramaturgos con facilidade ou á necesidade de facer desde as producións unha chamada de atención ao público para que non se afaste das plateas por non programar clásicos.
Quizais o segredo da relación teña máis que ver coa reiterada intención de demostrar que o teatro galego superou en 25 anos etapas de madurez e que, desde a teoría, deberían equiparalo aos teatros do entorno máis directo. Esta relación está marcada, en grande parte, porque foi o teatro institucional, o Centro Dramático Galego, o que cargou ás montaxes sobre a obra do inglés coa obriga de demostrar a capacidade de medrar e de crecer do teatro do país. Este comezo do teatro público foi cedendo protagonismo cos anos ás compañías galegas ata chegar ata o 2006 que, seguramente, foi o ano Shakespeare en Galicia, no que case coinciden en cartel ao mesmo tempo dúas das principais obras do dramaturgo, Hamlet e Macbeth.
O teatro profesional galego abordou en nove ocasións montaxes e da revisión dos títulos seleccionados se pode pensar que as obras fundamentais do escritor inglés pasaron polos escenarios galegos na súa lingua. Desde a retocada Soño dunha noite de verán ata o bélico Macbeth pasando por un Otelo en miniatura, a aproximación galega tivo unha certa deriva histórica que comezou polas comedias para ir, co paso dos anos, achegándose ás traxedias. Foi un proceso de cambio que mesmo se podería considerar en algo paralelo a ese outro cambio que levou a Shakespeare do teatro público ás compañías. Case comezando os noventa, iníciase a aproximación entre as táboas galegas e as historias de Shakespeare. Foi o CDG, dirixido en aquela altura por Damián Villalaín, quen monta As alegres casadas, unha montaxe como para meterse a Shakespeare sen cargarse da tensión que supoñen os títulos máis amplamente coñecidos do autor.
O director da montaxe sería Eduardo Alonso, o que fora primeiro director do CDG foi tamén o director galego que, desde o público e desde o privado, con máis frecuencia volvería sobre o dramaturgo inglés.
A compañía de Alonso, Teatro do Noroeste, asumiría ao ano seguinte, en 1990, a posta en escena de O rei Lear, na primeira montaxe desde a iniciativa privada. Noroeste e Shakespeare haberían volver a encontrarse nos carteis ao longo dos anos seguintes ata ser esta a compañía con máis predilección polo autor inglés entre as galegas. En 1992, no medio do festival de decorados e vestiario, o Centro Dramático Galego decide mesturar o espello de Alicia cos enredos de Shakespeare para estrear Un soño de verán. O cruce dá vida a un modelo de facer teatro con soltura presupostaria e no que comezan a aparecer esa primeira idea de madurez e capacidade ligada a un título do repertorio do canon occidental.
A comedia mestiza sae disparada nunha custosa xira que, nas noites de verán, levan a metáfora do teatro dentro do teatro por algúns espazos monumentais de Galicia. O ano 1992 foi un ano que deixou unha considerable resaca. Ben polo tamaño, ben polas intencións, o Centro Dramático tardaría en volver a sir William.
A presenza do autor en Galicia pasaría de novo a Teatro do Noroeste, que continuaría dous anos despois, e co mesmo director do Soño, Eduardo Alonso, estrearía Macbeth. As posibilidades económicas do CDG non se repiten nas compañías privadas e a presenza das montaxes é moito máis modesta. Outros dous anos máis e Noroeste volve tentalo con unha peza que ninguén aceptaría como menor, pero que é menor comparada con outras obras do dramaturgo. Noite de reis (1996) sería a última produción shakesperiana de Eduardo Alonso. As obras do máis clásico dos autores se despedirían durante unha tempada considerable de deixarse sentir en galego no teatro profesional, que entraría a debater sobre se se debía facer ou non a Valle-Inclán en castelán. Superadas as sufocacións faraónicos do Valle 98 e na fronteira co cambio de século, William Shakespeare vólvese a presentar ante os espectadores que o queren escoitar en galego desde a compañía Librescena.
Otelo concluía unha triloxía proposta polo grupo que dirixe Xosé Manuel Rabón e que pretendía situar algunhas das estremas do amor: O barbeiro de Sevilla, Cyrano de Bergerac e a obra veneciana eran os tres ángulos dese triángulo de enredos e desgrazas. Con todo, a obra sobre o home que tan mal pon os oídos foi a máis cativa das tres, reducida a contarse desde o máis elemental do seu argumento.
Estamos no 2000.
Cinco anos
Cinco anos máis habían pasar para o que, mirado en perspectiva, podería ser o asalto final do teatro galego aos grandes títulos de Shakespeare. Entre o 2005 e o 2006 tres textos que marcan a capacidade do escritor para analizar algúns comportamentos violentos da especie. Tres títulos que mesmo se poden considerar políticos. Hai en todos eles unha seria e nada favorable descrición do poder, das súas ambicións e, sobre todo, dos seus mecanismos de conservación. RicardoIII, Hamlet e Macbeth chegan aos espectadores galegos en ben pouco máis dun ano. Case como nun festival shakesperiano, tres títulos para finiquitar a débeda pendente do sistema teatral galego co canon occidental sen consulta previa con Harold Bloom. Sucede co teatro que as débedas non se pagan só coas intencións de partida.
Hai poucas cousas en comúns entre as tres, agás a necesidade que os seus tres protagonistas, Xosé Manuel Olveira «Pico», Luís Tosar e Fernando Dacosta comprometesen un esforzo suplementario para encarnar aos tres personaxes. Nas dúas primeiras volveuse escoitar o discurso sobre a madurez e a capacidade do teatro galego, sobre a maioría de idade do sector en Galicia. Como recalcou Manuel Guede, director do Ricardo III, «son ese tipo de obras que demostran a madurez dun sistema teatral». Con todo, esa sorte de fascinación e obrigatoriedade que a obra de Shakespeare ten sobre a cultura occidental indica que se unha cultura non é capaz de xerar un Hamlet non é cultura. Expresado nestes termos, é claro que a cultura galega foi capaz de ofrecer un Hamlet propio con menos desvarío que o orixinario. Álvaro Cunqueiro trazou un perfil novo para este personaxe.
Pero Occidente é moi esixente e cando pide a selectividade do Hamlet, ten que ser o de Shakespeare. Como síntoma, a obra chegou desde a iniciativa privada, con aportacións e patrocinios procedentes de empresas privadas en moita maior medida que de institucións públicas. Un reparto completo dirixido por Lino Braxe e un protagonista con proxección como Luís Tosar formaron unha proposta que, antes de saber como funcionaba no escenario, asumiu a responsabilidade de ser unha obra definitiva na historia profesional do teatro galego. A recadación e os case 450 espectadores de media por función acabaron por confirmar o carácter mediático desta montaxe.
Para Sarabela, o Macbeth estreado hai pouco máis dunha semana tamén tiña un certo carácter iniciático tras 25 anos de historia: era a primeira vez que a compañía non estaría dirixida por Ánxeles Cuña. A directora foi Helena Pimenta, quen gañara o Premio Nacional de Teatro pola súa versión de El sueño de una noche de verano. Escoller Desde o artístico a historia non é tan optimista como contada desde este certo sentido da progresión. Unha boa parte das aproximacións galegas, en especial as do Centro Dramático Galego, tentaron escribir por riba da caligrafía do dramaturgo con peor letra.
Shakespeare é un autor demasiado polisémico, demasiado intencional como para que unha versión consiga avanzar en todas as direccións que as súas grandes obras propoñen sen acabar leadas na manta. Quizais sexa máis importante, antes e agora, eliminar barreiras entre o autor e o espectador que engadirlle variantes que dispersen aínda máis o percorrido das obras. A concisión desde o punto de vista semántico non era unha das virtudes do titular do Globe. Non se pode estar seguro se toda esa polisemia era unha das capacidades do xenio e do oficio literario do escritor ou sucede como con algúns outros clásicos, pero non moitos, que unha parte desa riqueza semántica se debe ás lecturas que nós facemos sobre eles. As lecturas que se fan historicamente e van engadindo capas á intención inicial do autor.
En calquera caso a obra de Shakespeare é capaz de contelas todas sen perder a frescura nin a capacidade narrativa. Desde o punto de vista estatístico, William Shakespeare foise incorporando ao sistema teatral galego, foi medrando cos anos e, mesmo desde fóra, pode parecer que a súa presenza nos carteis foi parella ao proceso de madurez do teatro en Galicia. Co escenario diante, a interpretación precisa dalgúns matices máis contundentes por máis que sexa verdade que si, que un texto de Shakespeare aguanta o que lle boten e que se non se poñen moitos obstáculos entre o texto e o espectador, o público marcha sempre coa sensación de que lle contaron unha historia determinante na historia do mundo. Pero os procesos de madurez tamén esixen unha demostración alén do numérico.
Os procesos de madurez que teñen como centro un escenario piden que os progresos sexan complementarios e que se consiga, como desde sempre, que contar as historias de Shakespeare sexa contar a historia de cada quen. Porque ese é gran mérito da obra: permite contar todas as historias.
Cap comentari:
Publica un comentari a l'entrada