27 de març 2008

30 anos de teatro (profesional): Trintaneiros

www.xornal.es
22 de març de 2008

Asociación de Actores e Actrices de Galicia *

Os trinta primeiros anos da vida son vertixinosos, non é até a cercanía dos trinta que unha persoa para a ollar cara atrás, é entón que sinte asombro, por primeira vez constata a velocidade da vida. En adiante vívese con máis cautela, sen que un se decate empeza a pisar con máis atención e un calendario se instala dentro nosa, con todo, se un se detén e pon atención, o que máis asombra é a distancia que vai entre o neno ou nena e a persoa adulta. Un non cambiou tanto, un recoñécese íntimamente naquel meniño, meniña, mais ve tamén a distancia e a irremediabilidade dos cambios. Polo teatro profesional galego pasaron tamén os trinta irremediabeis anos, xa non ten a inxenuidade infantil e ten que verse a si mesmo como o que é, un teatro adulto. E cando estamos a falar do teatro profesional estamos a falar do verdadeiro nacemento do teatro galego.

Lembrarse de un mesmo cando neno sempre nos pón incómodos, tamén lembrar as orixes do noso teatro ten un algo desa incomodidade, aí está o camiñar atoutiñando, tropezando, descubrindo o mundo e inventándoo. Os comezos dun teatro adánico, sen pasado. Marcado por unha lingua negada que ten que inventarse, unha lingua que ten ela mesma que inventar o seu país.

Un teatro que ten que inventar de novo o teatro, como cada neno inventa, descobre, ao adulto que leva dentro. E así había que contestar a unha pregunta, “e logo que queres ser de maior?”, que formulada teatralmente era “e como debe ser o teatro galego?” Existían formas teatrais ou parateatrais propias galegas? Debía haber unha estética específica galega? Os cuestionamentos metateatrais, filolóxicos, foron inevitabeis, pois a infancia e mais a adolescencia fanse necesariamente preguntas ontolóxicas, pregúntanse pola esencia de un mesmo. Logo sae un a vida, que é o vivir, e un faise esas preguntas cando cadra e sen pararse conforme vai camiñando; as preguntas agoniadas por un mesmo afloran unicamente cando hai unha crise existencial. Os seres vivos somos así. É o que ten estar vivo, que se filosofa pouco.

No que aínda non é como todos, como os demais teatros, o teatro galego é en que, logo de inventarse a si propio, áinda ten que inventar ao seu público. Mais ese é o condicionante que ten case calquera actividade social ou artística no noso país, un país por facer: un país sen masa crítica cívica, con moi débil vida urbana…, con pouco público. Mais, así e todo, aquí estamos, aquí están vostedes, a facer teatro.

A facer teatro neste tempo. Que é o tempo da inmediatez, o tempo dixital, o tempo sen pasado nin presente, a secuencia dixital infinita, que non se detén. Somos suorosos atletas de ximnasio, a correr nunha fita eléctrica sen fin sen movernos do sitio, loitando por permanecer nese lugar, por non retroceder e caer derrubados de costas.

O teatro que é anterior ao tempo dixital, anterior ao tempo analóxico, busca conservar sentido neste tempo tan agónico, o dos corredores inmóbeis; como todo ser vivo quere ser útil e viábel. Na súa utilidade e na súa viabilidade está o sentido dos seres vivos.

Tamén o libro, o texto escrito se pregunta na actualidade polo seu sentido, que é dicir polo seu futuro, pola súa supervivencia; curiosamente quizais o teatro, ben máis antigo que ese grande invento que foi o libro, teña hoxe máis claro o seu sentido. Pois o libro, e a escrita en xeral, que ten unha idea moi alta de si mesma, non é máis que un momento na historia da humanidade, un grande momento, un elo necesario na cadea da nosa especie, mais só é un interim desa frecha no tempo que é a linguaxe humana. E na arte da palabra, o texto escrito, tan adornado de prestixio, non é máis que unha digresión do esencial. O esencial segue a ser o primeiro, a palabra dita no ar co hálito dun ser humano.

O texto dun historiador ou dun escritor danos moita información, tanta que pode confundir e escurecer o sentido. No teatro as palabras son escasas e todas son significativas, deberan ser esenciais. O teatro mostra o que está dentro e debaixo do texto, a cifra. O que está debaixo do argumento, o mundo simbólico.

Os conflictos entre bandos, dinastías, países que narran as crónicas e explican historiadores, economistas e sociólogos son no teatro a loita, os asasinatos, os instintos e as paixóns para conseguir algo. Moitas veces un puro símbolo, unha coroa, un aro de bronce, de ferro ou de ouro que é o centro magnético e voraz de moitos dramas do Shakespeare.

O teatro desvela o que envolven as teorías e explicacións máis ou menos científicas, revela o humano. O Hamlet é un intelectual, por iso non dá executado a vinganza que lle pide o pai e por iso anda ás voltas analisando, deconstruindo o relato que lle contaron da morte do seu pai. E como intelectual que é, é retorcido e perverso e así utiliza a arma que lle é propia, a palabra, utiliza o teatro, para enredar e tolear ao seu tío e á súa nai. No “Hamlet” a obra teatral dos cómicos que trae da vila ao pazo real serve para que se manifeste a vida, a verdade; a pantomima reventa a crónica oficial.

O teatro non trata da historia, trata da vida, por iso non pode haber un “teatro histórico”, pode haber novela histórica, mais no teatro só pode aparecer o drama dos seres humanos, as sortes e destinos individuais. O teatro é fundamentalmente refractario ao xornalismo. O xornalismo é o runrun, o zunido que atordoa e nos cega e enxordece. O teatro fainos ouvir e ver. Ouvir e ver a vida. Porque a nosa vida é máxica e, cando é vivida, non transcorre nun tumulto senón que é única e transcorre nun único lugar, sempre o mesmo lugar, desde a infancia. A vida transcorre nunha burbulla do espacio e do tempo, e o que máis se lle parece é o cenario, estas táboas altas aquí diante.

O teatro é unha manifestación do mundo dos fantasmas, provocada por profesionais de facer maxia coas palabras e co xesto, os pases máxicos necesarios.

Como toda aparición fantasmal ten unhas normas e unha duración limitada, dura pouco, é momentáneo. E así é que se acaba o tempo tamén para esta aparición que lles fala, este monólogo unha miga tedioso e filosofante, esta perorata para unha soa voz. Este discurso que quere celebrar a festa do teatro e o aniversario da madurez, os trinta anos, do teatro profesional galego. O seu aniversario, o de todos vostedes. Así e todo, aínda que se fagan vostedes maduros prégolles que non deixen nunca de brincar como rapaces. E non deixen tampouco de anoxar aos malvados e de usar as máscaras para desenmascarar aos impostores.

Grazas e parabéns.

Encetem temporada, comença l'espectacle!

Amb la celebració de la Festa Major de Manresa,  donem el tret de sortida a la nova temporada del Kursaal.  Us hem preparat una tardor que a...